Gondomar iniciará o 2020 cunha nova prórroga do orzamento do PP do ano 2012

A piques de rematar o ano e co pleno de decembro convocado para o luns 23, nos asuntos da orde do día do último pleno do ano tampouco figura ningunha proposta de orzamento económico para o ano 2020. O BNG de Gondomar, a través da portavoz municipal, Manuel Rodríguez, denuncia a incompetencia do goberno para deseñar e aprobar unhas contas adaptadas ás necesidades actuais do concello, limitando, unha vez máis, a acción política do concello no 2020 a un deseño do PP que xa era malo no ano 2012. Acusan ao alcalde de “incapacidade” para aprobar un orzamento propio por quinto ano consecutivo, “a pesar de o PSOE contar agora cun goberno con maioría absoluta”.

“Cal pode ser a escusa esta vez? Nin baixas de funcionarias que lle sirvan de xustificación, nin necesidade de buscar apoios para aprobar as contas. Como se explica entón que non presente unha proposta de orzamento para 2020 tendo un goberno con maioría absoluta, con catro concelleiras/os con dedicación exclusiva a maiores del mesmo? Simplemente desidia, falta de ideas e incapacidade. Unha falla de respecto a veciñas e veciños de Gondomar, porque a falla dun orzamento actualizado provoca que non se poidan reforzar e mellorar servizos básicos que se deben prestar, e que proxectos e actividades se vexan coutadas pola falla de dotación económica”, recorda a portavoz do BNG.

“En resumo, seguimos con moito Facebook e moita mediática do Alcalde, gabándose de realizacións conseguidas sempre grazas a axudas e proxectos financiados por outras administracións, nomeadamente pola Deputación, centradas basicamente en mellorar a imaxe do centro da vila e esquecendo as necesidades máis básicas das parroquias. Gondomar segue sen servizos sociais suficientes para as necesidades do concello, sen orzamentos participativos, sen un servizo de transporte municipal que mellore a mobilidade da veciñanza e a conexión entre as parroquias e a Vila, sen avanzar no saneamento integral do concello,… E por riba, co mesmo orzamento. Fraco balance para catro anos e medio de goberno do Sr. Paco Ferreira”, conclúe a nacionalista.