Nigrán celebra este sábado o seu XXVI Trofeo de Surf

O Patos Surf Club, a Federación Galega de Surf e o Concello de Nigrán organizan como cada ano en augas da Praia de Patos, este sábado día 21 de decembro, o tradicional Trofeo Concello de Nigrán-Copa Galicia de Surf, o campionato máis veterano do circuíto galego. O primeiro organizouse no ano 1990 e desde entón o Club Patos non parou, chegando este ano á 26 edición, polo que se converteu nunha referencia dentro do mundo do surf a nivel nacional, e para os surfeiros galegos a cita obrigada do inverno nas Rías Baixas.

A novidade este ano é que se esperan ondas xigantes que mesmo poden chegar a suspender a competición. Con ese tamaño mediranse os mellores surfeiros do circuíto galego de surf contra os mellores surfeiros locais. Tamén o orgullo de onde se fai mellor surf está en xogo. Entre os favoritos atópase o surfeiro de Pontevedra Milo Castelo, o que máis veces gañou este campionato, Martín Casarío ou Saúl Carrera, sen esquecer aos locais de Patos Borja Malvar, Óscar Prieto ou Ángel Pozas, que tentarán xogar co factor campo xa que se coñecen as ondas do Pico de Patos de memoria.

E como colofón o surfeiro español máis laureado, o gran Gony Zubizarreta confirmaba esta semana a súa asistencia ao campionato. Con esta nova incorporación e co tamaño das ondas, o espectáculo está servido.

A competición será na onda de “O Pico” de Monteferro (como se coñece internacionalmente a esta onda), unha das mellores ondas galegas debido sobre todo ao seu fondo de rocha, rompe sempre no mesmo sitio e un sufista experimentado sácalle á onda o máximo de manobras, ademais de ser moi atractivo para a vista dos afeccionados que se acheguen a Patos.

Así que con estas referencias de grandes ondas e surfeiros de gran nivel, e todo gratis, o espectáculo está servido. O sábado 21 de decembro desde as 9:00 da mañá empezarase coas primeiras mangas clasificatorias, para chegar ás 14:00 horas coas finais de surf masculino e feminino.

Tamén o Club Patos, entre as actividades paralelas e para celebrar os 26 anos do campionato, ofrecerá un bautismo de surf “a túa primeira onda”, mini curso de Surf gratuíto de 2 horas de duración, no que monitores titulados de Patos Surf prestarán todo o material necesario ademais duns bos consellos, para que todo o que o desexe poida experimentar a sensación de camiñar polo mar.

Ao terminar o campionato farase a entrega de premios do campionato de Surf e do circuíto na mesma praia, coa presenza confirmada das principais autoridades de Nigrán.

HORARIOS

8:00h Confirmación inscricións
8:30h Reunión de todos os competidores
9:00h Inicio competición
14:00h Finais
15:30h Entrega de premios

Anuncios