Sin categoría

Gondomar aprobará a súa adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima

O Concello de Gondomar adherirase á Rede Española de Cidades polo Clima dando un paso máis así na súa implicación por desenvolver políticas e medidas pensadas a conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, ditados pola Unión Europea, e reducir os efectos do cambio climático.

Coa súa adhesión á rede, que se debaterá en pleno o próximo día 23 de decembro, Gondomar converterase no noveno municipio da provincia de Pontevedra en integrarse na Rede, e o décimo noveno de toda Galicia. “Queremos sumar esforzos e, como administración local que somos, facilitar aos nosos veciños as ferramentas necesarias para que a súa implicación e concienciación sexa cada vez maior na loita contra o cambio climático”, sinala o rexedor, Paco Ferreira.

O goberno local, a través da súa adhesión, comprométese a sentar as bases institucionais para reducir a emisión de gases efecto invernadoiro, á vez que iniciar un proceso de implicación de todos os axentes económicos e cidadáns do municipio “na consecución dos obxectivos que favorezan unha sociedade cada vez máis sustentable”.

Nunha primeira fase o goberno local traballará neste obxectivo, desenvolvendo campañas de sensibilización cidadá; potenciando acordos con axentes económicos ou asociacións de consumidores para impulsar un bo uso da enerxía nos fogares; ou, potenciando medidas que impliquen unha redución do tráfico a favor do uso de transportes alternativos ou a peonalización das rúas.

No ámbito institucional o goberno de Gondomar adquire o compromiso de introducir medidas económicas e fiscais que favorezan a implantación de enerxías renovables, incluír medidas con criterios de eficiencia enerxética nas novas contratacións municipais, así como nos concursos de adxudicación de servizos no municipio.

Ademais traballarase na adaptación progresiva dos inmobles e dependencias municipais de maneira que se equipen de sistemas que favorezan os criterios de sustentabilidade.

A Rede Española de Cidades polo Clima creouse en 2005 no seo da FEMP co obxectivo de conseguir mellores resultados na loita contra o cambio climático, a través do intercambio de experiencias entre os seus integrantes e desenvolvendo conxuntamente novas actuacións.