O pasado mes de xullo o alcalde Paco Ferreira anunciou nos periódicos que ía esixir ao concelleiro do Partido Popular Simón Domínguez a devolución das chaves de dúas taquillas nas que segundo Ferreira o concelleiro tiña varias pertenzas entre as que se atopaban a placa policial e as balas, creando así unha alarma social innecesaria segundo entende o agora ex edil do PP gondomareño.
Nunha resolución do pasado 11 de outubro, e que vén de facerse firme ao non haber recuso de apelación ao mesmo, o Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo desestimou a demanda do Concello de Gondomar e denegou o acceso ás taquillas de Simón Domínguez, atendendo ao principio de proporcionalidade entre o fin pretendido pola resolución do alcalde como é o proceder a recuperar o material obrante en poder de Simón e o dereito fundamental da súa propia privacidade, debendo primar sempre o dereito fundamental de privacidade.
Para Simón Domínguez esta actuación do alcalde non ten outra finalidade que o seu beneficio particular e político. Non entende como un ex compañeiro de profesión no mesmo corpo pode tomar unhas represalias deste calado só polo feito de formar parte dunha candidatura política distinta. Afirma que a intención do alcalde non foi o esixir a apertura das taquillas e entrega do material, cousa que o alcalde xa sabía que non podía facer, senón que era o de facer o maior dano posible ao seu rival político, o que demostrou cando non só denunciou senón que o elevou á opinión publica coa nota de prensa enviada.
Acusa tamén a Ferreira de usar o seu posto para atacar aos seus rivais políticos, afirmando tamén que el se tivo que pagar a súa propia defensa mentres que o alcalde usa os cartos de todos os gondomareños para estas actuacións só para ter un titular nos periódicos e co afán de desprestixialo.
Simón Domínguez, que no mes de setembro incorporouse ao corpo da Policía Local de Gondomar, denuncia ademais o trato que tivo tanto polo xefe da policía como do alcalde, con encerronas e chamadas urxentes e constantes ao seu despacho cun funcionario de testemuña inclusive. Ademais nos primeiros días non lle deixaban poñer o uniforme oficial nin lle deron as chaves das oficinas, nin o material necesario para realizar as funcións dun axente.
“Nos primeiros días da miña reincorporación o trato era como o dun delincuente, sen facilitarme o material para desempeñar as miñas funcións. Incluso tiven que agardar algún día na vía pública a que me abrisen as dependencias policiais porque non me deixaban ter as chaves da mesma, ou escritos do alcalde feitos a man e pegados na pantalla do ordenador que atopaba cando chegaba o meu posto de traballo”, acaba afirmando Simón Domínguez.

