Baiona rozou o 90% de ocupación hoteleira na ponte da Constitución

O estudo estatístico elaborado pola Deputación de Pontevedra confirmou que a pasada ponte da Constitución acadou na cidade de Vigo e en toda a comarca uns resultados “espectaculares”, como así os cualificou hoxe a presidenta Carmela Silva. O efecto do alumeado de Nadal encheu na práctica os hoteis da cidade, que chegaron ao cheo total nos establecementos hoteleiros e vivendas turísticas, e provocou un efecto rebote nas comarcas do Morrazo, onde se chegou ao 92% en establecementos hoteleiros e ao 85 en casas de turismo rural, en concellos do Val Miñor como Baiona, onde se rozou o 90%, ou na zona do Baixo Miño con preto do 80%

No caso da provincia, a ocupación foi do 74,1%, 12 puntos máis que o acadado nas mesmas datas do 2018. Deste xeito, por comarcas, O Salnés acadou un 79%, na comarca de Pontevedra o 75% (o 77% na cidade), 65%no Deza-Terra de Montes e o 59% no Condado e A Paradanta.

En canto ao turismo rural, a ocupación chegou ao 54% o que supón 16 puntos máis que o acadado durante a mesma ponte do ano 2018. Neste eido, a comarca de Pontevedra superou o 76%, as do Condado e da Paradanta o 56%, a comarca de Vigo o 55%, O Salnés o 42%, Deza e Terra de Montes o 37,5% e a comarca de Caldas o 30%. No que respecta aos albergues a ocupación superou o 39,2%; cunha elevada porcentaxe en Vigo, cun 65%; seguido de Deza e Terra de Montes, que superaron o 63,3%; Pontevedra, O Salnés e O Morrazo, que chegaron ao 37%; Caldas e O Baixo Miño e O Condado e A Paradanta que se situaron preto do 20%. Finalmente as vivendas turísticas melloraron tamén a porcentaxe de ocupación con respecto á ponte da Constitución de 2018. Deste xeito, segundo AVITURGA, destinos como Vigo enchéronse na súa totalidade, a cidade de Pontevedra superou o 80% e Sanxenxo acadou o 72%.

Anuncios