A Comunidade de Montes de Couso, convidada ao Gemellaggio Internacional en San Marino

A principios do mes de maio na República de San Marino vai ter lugar un irmandamento, promovido pola Fiare Bancaética. Banca Popolare Etica, un banco cooperativo que traballa en Italia desde 1999 e Fiare que opera en España desde 2005. Ambos os dous queren ser unha ferramenta ao servizo da transformación social a través do financiamento de proxectos da economía social e solidaria e a promoción dunha cultura da intermediación financeira, baixo os principios da transparencia, a participación, a democracia e o crédito como dereito. Grazas aos milleiros de persoas, entidades socias e organización, está a materializarse o soño de crear unha institución financeira ética e cooperativa, cunha dimensión europea.

Para a Comunidade de Montes de Couso, esta invitación supón un recoñecemento internacional na pioneira experiencia da parroquia e unha extraordinaria oportunidade para intercambiar experiencias de boas prácticas das organizacións participantes; difundir o traballo realizado polos veciños de Couso de como a xestión comunitaria pode dar respostas innovadoras, sustentables, respectuosas co medio e xerando valor engadido para os recursos económicos; para promocionar e proxectar no exterior os produtos ecolóxicos que comercializan; promover a realización de iniciativas en común no ámbito dos respectivos programas de actividades; e intercambiar experiencias e boas prácticas, favorecendo a difusión e a adaptación ás realidades locais.

“Este convite reconfórtanos no traballo desenvolvido, e danos pulos para abordar novos proxectos con outras entidades que traballen na mesma dirección noutros puntos de Europa”, sinala o presidente da Comunidade de Montes de Couso, Xosé Antón Araúxo Rodríguez.