O PP denuncia que Gondomar paga obras inacabadas mentres provedores levan un ano sen cobrar

O Partido Popular de Gondomar denuncia que o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, levantou o reparo de intervención aprobando a certificación de tres obras e autorizando o pago das mesmas a sabendas de que estas se atopaban sen rematar nesa data. Dáse a casualidade de que nestes días varios provedores do concello denunciaron que seguen sen cobrar traballos realizados hai case un ano.

As obras que o PP gondomareño afirma que foron certificadas e pagadas antes de que rematasen son a pasarela peonil na contorna da Praza de Abastos, a urbanización na contorna da Praza de Abastos e a reforma interior na casa consistorial.

A obra “Pasarela peonil na contorna da Praza de Abastos” foi adxudicada o pasado 20 de novembro á empresa Calfensa Proyectos, S.L. por un importe de 48.862,89 euros. O replanteo da obra e polo tanto a data de inicio da mesma foi o 26 de novembro e o certificado de final de obra emitiuse dous días despois. Intervención informou desfavorablemente a certificación da obra ao día seguinte, pero o alcalde levantou o reparo, aprobou a certificación final da obra e ordenou o pago da mesma nese mesmo día, todo isto a pesar que a día de hoxe a obra está aínda coa construción das zapatas da pasarela.

A obra “Obras de reforma no interior da casa consistorial” foi adxudicada o pasado 5 de novembro á empresa Braio multiservicios, S.L. por un importe de 46.555,56 euros, o replanteo da obra e polo tanto a data de inicio da mesma foi o 13 de novembro e certificada a finalización da obra o 28 novembro. Intervención informou desfavorablemente a certificación da obra ao día seguinte pero o alcalde levantou o reparo, aprobou a certificación final da obra e ordenou o pago da mesma nese mesmo día, a pesar de que a día de hoxe están sen rematar as obras e os operarios están traballando na mesma.

A obra “Urbanización na contorna da Praza de Abastos” foi adxudicada o pasado 12 de novembro á empresa Construcciones Fechi, S.L.U. por un importe de 31.083,58 euros, o replanteo da obra e polo tanto a data de inicio da mesma foi o 26 de novembro e o certificado de final de obra emitiuse dous días despois. Intervención informou desfavorablemente a certificación da obra ao día seguinte pero o alcalde levantou o reparo, aprobou a certificación final da obra e ordenou o pago da mesma, a pesar de que a día de hoxe está pendente do asfaltado e das marcas viarias do aparcamento entre outras actuacións.

O Partido Popular quere deixar claro que non está en contra da realización de obras que beneficien aos veciños de Gondomar, pero entende que se deben de facer sempre dentro da legalidade vixente e con todas as garantías necesarias, xa que as presas por rematar as obras repercute gravemente na súa calidade.

“Unha vez máis asistimos ao proceder deste alcalde que fai as cousas ás presas, sen ningunha previsión e sen garantir unha mínima calidade na execución. Non se entende que se pague unha obra cando aínda case non se comezou a executar, xa que non se pode garantir que se van realizar conforme ao previsto nin tampouco existe un control por parte do Concello. Hai que dicir que o alcalde anunciou estas obras xa na lexislatura pasada, pero a desidia e o pouco control do Concello, a pesar de ter nestes intres a sete concelleiros con dedicación, lévanos a esta situación nada desexable”, sinala Paula Bouzós.

Anuncios