O goberno de Gondomar despexa dúbidas sobre o servizo dos comedores escolares

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a edil de Benestar Social, Nuria Lameiro, acompañaron este mércores a representantes de ANPAS e monitoras dos comedores dos colexios do municipio nunha visita á empresa concesionaria do servizo. Nela puideron coñecer de primeira man o proceso de elaboración e trazabilidade dos menús que se serven nos centros escolares.

O goberno local completa con esta visita a rolda de contactos iniciados hai semanas co fin de controlar e garantir o correcto funcionamento do servizo, facilitando que nais e pais coñecesen de primeira man os diferentes protocolos que se aplican desde a recepción dos alimentos ata que se serven nos colexios, pasando pola conservación e o cociñado e posterior traslado.

Responsables da empresa acompañáronos nun percorrido pormenorizado polas distintas dependencias (conxeladores, cociñas, almacén, salas de control…), atendendo en todo momento as diferentes dúbidas e preguntas que xurdían ás ANPAS.

O alcalde Paco Ferreira garantiu que “a reacción do meu goberno sempre será inmediata ante calquera dúbida que poida xurdir en cuestións como a alimentación dos nosos menores, e actuaremos nesta liña para garantir que se cumpren os contratos de forma íntegra e escrupulosa”.

Neste sentido, previo á visita á concesionaria, o rexedor, xunto á edil Nuria Lameiro, reuníronse cos representantes dos pais e nais, coas monitoras e coidadoras dos comedores, e a dirección dos diferentes centros, atendendo as súas demandas.

“A saúde dos nosos pequenos/as sempre é o primeiro e aplicaremos estes mecanismos de control ante calquera dúbida ou problema que poida xurdir, actuando con total transparencia e garantindo a calidade do servizo que se presta”, concluíu Paco Ferreira.

Anuncios