O biker Jon Tena pásase ao asfalto co Vigo-Rías Baixas

A sétima fichaxe do Vigo-Rías Baixas para a tempada 2020 non só cambia de equipo, tamén de modalidade. O vasco Jon Tena pásase ao asfalto tras brillar como biker. Con esta incorporación a entidade presidida por José Luis Chamorro faise cos servizos dun diamante en bruto que xa demostrou o seu potencial como fondista dándolle aos pedais.

O ciclista de Urretxu pisou o podio esta campaña de importantes carreiras de resistencia en bicicleta de montaña. Segundo clasificado sub-23 na carreira internacional por etapas VolCAT e na Girona Sea Otter, cita das World Marathon Series, tamén brillou no Campionato de España de Ultramaratón, colgándose o bronce na súa categoría.

Aos seus 21 anos, Jon Tena deixa aparcada a súa faceta de biker, aínda que ten previsto participar nos Campionatos de España de BTT, e a súa cabeza está “enfocada ao 100% na estrada. Quero facer un ano bonito, buscando o meu sitio no pelotón. Espero dar un gran salto de calidade e axudar ao equipo en todo o posible dando a miña mellor versión”.

A pesar da gran cantidade e calidade de equipos que hai na súa terra, o guipuscoano decantouse polo Vigo-Rías Baixas para descubrir a competición elite e sub-23 de estrada porque se trata dun conxunto “cun calendario moi amplo. Disputaremos carreiras de moito nivel rodeados de xente cunha longa experiencia e gran nome no mundo do ciclismo”.

A chegada de Jon Tena á formación dirixida por Marcos Serrano únese ás de Mauricio Moreira, Brais Gómez, Manuel Sampedro, Víctor Etxeberría, Noel Martín e Íñigo González. Ao renovado proxecto flúor tamén se sumou nos últimos días a firma de nutrición deportiva Powergym. Esta empresa alacantina, con máis de 25 anos de experiencia no seu sector, é a nova provedora oficial de suplementos deportivos para os corredores da estrutura flúor.

Anuncios