
Manifesto Miñor lamenta nun comunicado que dende hai tempo, con especial énfase nos períodos pre electorais, entra en campaña (da man de PP-PSOE) o Polígono Industrial da Pasaxe. “Non hai máis que lembrar a promesa de Zona Franca (PSOE) de reservar 30 millóns de euros nos seus orzamentos antes das eleccións xerais, e agora a Xunta (PP), para non ser menos, promete 435.000 €, coma quen di, nas vésperas das autonómicas. Lamentablemente, unha vez máis, de todo iso só quedarán as fotos coma testemuñas mudas do fume que nos venden uns e outros. Para o Alcalde o importante son as fotos segundo se deduce do seu lamento”, critica Antonio Araújo.
Dende Manifesto Miñor-En Marea denuncian a irresponsabilidade política, neste caso do Alcalde de Gondomar, “que no canto de esixir que se fagan efectivos canto antes os investimentos anunciados pola Xunta (e tamén por Zona Franca), sae á palestra pública queixándose porque seica non foi convidado á xuntanza entre a conselleira e os empresarios da Pasaxe. Unha foto menos para colgar colgar nas redes sociais pensará o Sr. Ferreira”, apunta Araújo.
“Parece que o Sr. Alcalde ignora a importancia clave que ten a Xunta de Galicia para poder sacar adiante a ordenación do Polígono Industrial, a mesma que ten a Comunidade de Montes de Vincios, sen cuxa participación e consenso non será posible. Unha vez máis esixímoslle ao Sr. Ferreira que se poña a traballar en serio neste asunto, vital para milleiros de traballadores e centos de empresas, e para a economía local, no canto de dedicarse a facer declaracións fóra de lugar que o único que conseguen é deteriorar aínda máis as necesarias relacións institucionais e coa comunidade veciñal, imprescindibles para resolver definitivamente este asunto”, engade o voceiro municipal de Manifesto Miñor-En Marea.
Finalmente, Araújo pide traballo responsable, discreción e consenso. “Non hai outro camiño neste asunto. Agora o Sr. Ferreira non ten desculpa posible, pois conta cun goberno municipal con maioría absoluta, por certo, con 7 dedicacións exclusivas moi ben pagadas”.