Alumnos de Peitieiros, Donas e Vincios estrean o Gran Prix Financeiro en Gondomar

Nenos e nenas de 6º de Primaria dos colexios de Peitieiros, Donas e Vincios estrearon este mércores o Gran Prix Financeiro que chegou a Gondomar organizado pola Concellería de Xuventude, co obxectivo de que a rapazada coñeza o valor dos cartos. A iniciativa, que se enmarca dentro do programa educativo de Abanca con Afundación ensina de forma lúdica e divertida a importancia do aforro ou a diferenza entre as necesidades e os desexos á hora de investir o diñeiro. Un xogo que o próximo venres desenvolverán os alumnos do Chano Piñeiro, en horario de mañá, e que pola tarde abrirase á participación de todos os nenos e nenas de entre 10 e 12 anos, previa inscrición na OMIX.