O PP de Baiona insta o alcalde a “poñerse a traballar” para cambiar a “lamentable” imaxe da vila

Se algo caracteriza a Baiona é a súa imaxe coidada e agradable para veciños e turistas pero esta estampa foise degradando nos últimos meses segundo denuncian desde o Partido Popular por mor da “desidia” e o “deixamento” do tripartito que desde o pasado mes de maio “desgoberna” o Concello. “Onde anteriormente lucían xardíns floridos, agora son as herbas as que decoran as rúas; algúns bancos están inutilizables polas silvas ou camiñar polos sendeiros peonís é unha situación de alto risco por mor das fochas e a falta de mantemento do mobiliario público”. Para o PP que encabeza Ángel Rodal, trátase dunha situación “lamentable” e insta ao trigoberno a “poñerse a traballar” para reverter a situación e devolverlle a imaxe que Baiona perdeu en tan só uns meses.

“O abandono da localidade é evidente tanto no centro urbano como nas parroquias. Tras varios meses agardando as tarefas de mantemento que aínda non chegaron, veciños indignados transmitiron as súas queixas a este grupo municipal e tamén por escrito ao consistorio. Desde o PP quixemos respectar os primeiros meses do Alcalde porque entendemos que necesitaba un tempo prudencial para coñecer como funciona por dentro un Concello e así nolo transmitiron tamén o veciños pero despois de seis meses xa é un problema de total desinterese, falta de planificación e, sobre todo, de non pasear polo pobo para comprobar o seu estado de abandono”, relata Rodal. De feito, e así o transmitiron aos concelleiros populares, veciños de Baiona deixaron por escrito no Concello o seu malestar por esta cuestión sen que desde o goberno tivéranse en conta. “Quizáis estean máis preocupados polas discrepancias internas que pola opinión do veciños pero esas son as consecuencias dos matrimonios por interese e mal avenidos, que o realmente importante descóidase”, apostila Rodal.

Anuncios