Alerta laranxa por chuvias e por temporal costeiro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ondada na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por chuvias no interior de Pontevedra e por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a alerta por chuvias afectará á zona interior de Pontevedra a partir do mediodía onde se agardan precipitacións acumuladas de 80 mm en 12 horas.

Ademais, desde esta madrugada activarase a alerta laranxa na costa galega, comezando pola Coruña e Lugo, para logo estenderse a Pontevedra. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros, que poderán acadar temporalmente os 7 metros a partir do mediodía nas zonas oeste e noroeste da Coruña e Lugo. Na Mariña lucense irá acompañada de vento do oeste, de forza 8.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.

Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ante as fortes chuvias, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse (pontes, torrentes, etc.), non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade ( bicicletas ou ciclomotores) e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa dende tellados, balcóns e ventás.

Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal) , que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios