A Fundación Provincial Banco de Alimentos contabiliza un total de 315.000 quilos de comida recibidos da súa sétima Gran Recollida (GR2019), celebrada os pasados 22 e 23 de novembro.
Trátase de 15.000 quilos de produtos menos que os recadados durante a edición de 2018 (330.000 quilos), un feito que podería achacarse, entre outros factores, á coincidencia no tempo co acto masivo do aceso das luces de Nadal en Vigo que reduciu substancialmente a afluencia de doantes nos supermercados. A ONG comprobou como na última quenda do sábado, día 23, a entrega de alimentos nos puntos de recollida de Vigo descendeu de maneira notable con respecto a outros anos cando sempre foi un dos máis fortes.
Por zonas, en Vigo e arredores (Porriño, Mos, Moaña e Redondela) recibíronse 179.000 quilos de comida; en Pontevedra e a súa comarca recolléronse uns 103.000 quilos; en Val Miñor contabilizáronse 22.500 quilos; e, en Baixo Miño doáronse 10.500 quilos
Desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos agradécese publicamente a xenerosidade demostrada polas persoas que achegaron o seu granito de area na fin de semana máis solidaria do ano. O presidente da entidade, Pedro Pereira, destaca a “implicación” da cidadanía un ano máis que non dubidou en poñerse na pel das persoas con dificultades ás que se axuda.
María Rey e os 2.000 voluntari@s
Mención especial á madriña deste ano, a xornalista María Rey que participou como unha voluntaria máis recollendo alimentos en dous supermercados de Vigo e Pontevedra. Precisamente, durante a súa presenza na cidade viguesa animou ás persoas a adiantar as súas doazóns para poder gozar da iluminación do Nadal, pero lembrando, á súa vez, que “hai persoas que viven na escuridade permanente e temos que axudarlles”.
Recoñecemento tamén aos 2.000 voluntari@s mobilizados por toda a provincia de Pontevedra e que sen a súa colaboración a cadea solidaria non sería posible. Cos 315.000 quilos de alimentos recollidos por todas esas mans solidarias durante o 22 e 23 de novembro, a ONG terá cuberto o seu abastecemento de produtos básicos, polo menos, ata a primavera de 2020.
A GR2019 desenvolveuse en superficies comerciais de Vigo e Pontevedra, así como nas comarcas do Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés ou Deza.
Durante os seis primeiros meses de 2019, o Banco de Alimentos repartiu preto de 1,1 millóns de quilos. En 2018, entregou ao redor de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das 20.000 persoas máis desfavorecidas ás que axuda.
A ONG, que este ano cumpre 25 anos de actividade, caracterízase por ser apolítica e aconfesional. Dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, a entidade conta con delegación propia en Pontevedra.




