O Proxecto Vincios Verde marcará o novo rumbo do monte veciñal

Como xa fixera hai moitos anos (máis de 30), a Xunta Rectora que guiaba a Comunidade de Montes de Vincios naquel entón, cando tiveron a acertada visión de futuro de acometer as primeiras cesións de superficie no polígono industrial da Pasaxe, que marcarían positivamente o futuro do Monte e da parroquia de Vincios, hoxe, tras os lumes do ano 2017 onde o 81% da superficie forestal ardeu, a actual Xunta Rectora atópase coa disxuntiva de esperar 30 anos a que volvan medrar as árbores, co risco dos lumes que han volver e cada vaga máis intensos, e chegar á bancarrota, ou dar un xiro ao sistema de xestión do monte.

Na asemblea de comuneiros celebrada este domingo, vense aprobar, trala presentación feita pola Xunta Rectora do proxecto Vincios Verde, o novo rumbo do Monte veciñal.

O futuro da Comunidade de Montes de Vincios pasa por:

– Protexelo dos lumes creando unha nova estrutura do monte, recollida no plan de ordenación presentado na Xunta de Galicia, que divide en dúas partes o monte mediante faixas de protección, plantacións de frondosas e pasteiros que van sumar mais de 90 has con carácter claramente protector.

– Convenio coa Universidade de Vigo, para poder realizar diferentes investigacións en ámbito forestal.

– Rehabilitación da antiga Casa Reitoral, co fin de que sexa un centro social e forestal de referencia.

– Dar de alta como sumidoiro de CO2 as repoboacións de frondosas con carácter protector no Ministerio de Transición ecolóxica, para o cal vense colaborando dende hai tempo co proxecto TROCO2.

– Certificación dos servizos ecosistémicos que xeran valor transversal en toda a parroquia.

– Programa de achegamento aos máis novos e sociedade en xeral, con obradoiros, charlas e iniciativas que fagan partícipes os veciños e comuneiros.

– Continuación do Bosque dos Nen@s, e unha nova iniciativa que vai ser asembleas de fillos ou netos de comuneiros para que dende a infancia acheguen as súas inquedanzas.

-Dixitalización dos lindes do monte.

“O futuro dun monte periurbano como o de Vincios pasa pola adaptación os novos tempos, resiliencia fronte os lumes, e a multifuncionalidade, e niso estamos”, sinalan desde a Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Vincios.

Anuncios