
A Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín actuará no Hospital Álvaro Cunqueiro o domingo 15 de decembro ás 16:00 horas, cun pasarrúas nos exteriores do complexo e rematando cun concerto no hall do mesmo, onde todos, enfermos, familiares destes e traballadores de todas as seccións, que queiran e poidan, desfruten da visita musical.
“Cando, por segundo ano, nos puxemos en contacto coa xerencia do Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro, para volver valorar a posibilidade de facer novamente a nosa actuación no Hospital, foi unha verdadeira satisfacción a alegría e agradecemento ca que se recibiu a nosa proposta. Isto confirma a vontade que existe por ambas as dúas partes, Xerencia do Hospital e Centro Cultural “A Merced” de Chaín, para levar un pouquiño de ambiente de Nadal a todos os que por diversas circunstancias, sexan os traballadores ou os pacientes e as súas familias, pasan estas datas neste centro”, sinalan desde a agrupación.
As Rondallas son típicas da zona sur da nosa provincia e fan as súas actuacións, sobre todo, na época do Nadal. Dende hai cinco anos, logo dun cambio na dirección, melloras a nivel musical e sobre todo de dirección, no Centro Cultural “A Merced” de Chaín cren que a súa agrupación está no seu mellor momento. Esta formación consta dunha base musical con instrumentos de vento metal (9 músicos) que están acompañados de 61 persoas que tocan instrumentos de percusión tradicionais (pandeiretas, cristos, roncos, cunchas, charrascas, castañuelas…), ademais de 9 abandeirados que acompañan a música con coreografías con bandeiras.
“Cremos que é un espectáculo, ademais de sonoro, moi atractivo visualmente, e con pezas no repertorio que van dende popurrís dos Pallasos da Tele, bandas sonoras de películas, Bonnie M, pasodobres…, que son moi facilmente identificables para todo aquel que os escoite, independentemente da súa idade”, conclúen desde a Rondalla.