O alcalde de Gondomar cualifica de “populistas e extemporáneas” as demandas do BNG

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, entende que a recollida de firmas promovida desde o grupo mixto do concello, concretamente pola portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, é unha proba máis de que “non veñen sumar a favor da nosa localidade se non a buscar o negativo, e a promover medidas e iniciativas populistas”.

Así responde o rexedor gondomareño á proposta da nacionalista de poñer en marcha unha recollida de firmas no concello reclamando a creación de máis prazas de aparcamento, demanda que Paco Ferreira cualifica de “extemporánea e que non se axusta á realidade”, xa que lembra que na anterior lexislatura púxose en marcha un aparcamento disuasorio (con máis de 150 prazas de aparcamento), ao que se sumaron outras 46 froito da reestruturación acometida na rúa Emigrante.

Ferreira González vai máis aló e di que o BNG “é coñecedor de que o goberno que presido está a piques de abrir un estacionamento na rúa Ánimas”, que supoñerá a creación de 200 novas prazas, que se sumarán ás 150 creadas na rúa Eduardo Iglesias.

Desta maneira en próximas datas Gondomar dispoñerá de preto de 400 novos estacionamentos que se engadirán aos xa xerados en Ángel Urzáiz e no Parque Rosalía de Castro tras a súa remodelación. É por esta razón que convida a Manuela Rodríguez a que “abandone o populismo ao que parece abonarse, máxime cando é coñecedora de que poñer en marcha un aparcamento require unha serie de trámites e informes que non se resolven dun día para outro”.

O goberno local, tal e como lembra o alcalde, apostou claramente pola remodelación do tráfico e a creación de aparcamentos que, á vez, sexan compatibles coa política de peonalización promovida polo seu equipo porque “queremos un Gondomar para os veciños”. Neste sentido limitouse o tempo de aparcamento en determinadas zonas anexas a zonas de mercado, para facilitar a rotación de vehículos.

Ademais o goberno local desprazou a parada de taxis co fin de crear zonas de carga e descarga que “ata o momento eran inexistentes”, puntualiza Paco Ferreira, que lembra que nunca houbo “tantas prazas de aparcamento como agora, facilitando que Gondomar convertérase nun pobo vivo, dinámico e cheo de xente”.

Convida á oposición a que abandonen “a crítica pola crítica e, gozar dun Gondomar novo e transformado”, anímalles Paco Ferreira a sumarse “ás cousas boas e que participen xunto aos veciños e veciñas en actividades como a inauguración da iluminación, ou os nosos mercadiños, porque nin estiveron nin se lles espera”.

Conclúe Paco Ferreira que “é unha pena porque parece que tras as eleccións o único que buscaron é o seu sitio, a súa cadeira e que o de traballar polo pobo non lles preocupa demasiado”.