Nigrán acende o Nadal

O Concello de Nigrán celebrou este venres a festa de acendido das luces de Nadal coas actuacións de Peter Punk e o concerto de Broken Peach nunha Praza do Concello chea de público de todas as idades. Entre un espectáculo e o outro, o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado do presidente do Círculo Social Val Miñor en Bos Aires, Alberto Lloret, deu paso a un grupo de nenos e nenas que foron os encargados da conta atrás e de premer o botón que deu comezo ao Nadal en Nigrán. “Quixemos que a festa tivese un carácter familiar, o humor de Peter Punk gusta a nenos e maiores e Broken Peach son unha banda xa de referencia en Galicia que, polo seu repertorio atemporal, gusta a público de moi diferentes idades”.

O nigranés Isaac Rodríguez Miranda, Peter Punk, é un dos clowns de referencia en Galicia, novamente regresou á festa do acendido para divertir a nenos e maiores co seu humor traste e fresco sen comparación. O personaxe que encarna é un neno chegado do país de Nunca Máis que se resiste a medrar, un pallaso pillabán e irreverente que xa ten percorrido rúas, prazas e escenarios de toda a Península e máis alá, ata acumular máis de 1.000 funcións nas que espallou risos e tartazos solidarios mesmo en Palestina ou Idomeni.

Broken Peach, composto por catro voces femininas e batería, baixo e guitarra/piano, podería dicirse que é un espectáculo musical para nenos e maiores caracterizado polo eclecticismo musical, xa que viaxa desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk, pop, etc. De estética elegante á par que extravagante, nesta cita en Nigrán trouxeron panxoliñas universais como “Jingle Bells”, “All I Want for Christmas Is You” ou “Girls Just Want to Have Fun” e versións de temas clásicos do soul, rock, pop… Todo interpretado dende o seu particular prisma que mestura música e espectáculo.

A programación de Nadal continúa este mesmo sábado ás 17:00 horas cun Bingo Solidario no Auditorio Municipal (para participar é preciso aportar alimentos non perecedoiros) e posterior concerto de Argonat Band ás 20:00 horas. Xa o domingo, no Templo Votivo o Concello ofrece ás 20:00 horas o concerto de “I Bimbi Appasionati” e o grupo de música antiga “I Colori dell’Armonía”.

Anuncios