O PP de Gondomar pide garantir a seguridade na estrada provincial EP-2301

A finais de novembro procedeuse na curva do Armeiro, no barrio de Piñeiro, á tala de árbores nunha finca colindante coa estrada provincial EP-2301 Gondomar-Peitieiros. Como consecuencia desta tala quedou á vista un importante desnivel, antes inapreciable pola presenza de vexetación, e que pon en risco a seguridade tanto dos viandantes como dos vehículos que circulan pola estrada.

Por isto, o Partido Popular de Gondomar presentará ao pleno deste mes, unha moción para garantir a seguridade na estrada provincial EP-2301 Gondomar-Peitieiros, solicitando da Deputación unha actuación urxente coa colocación dun sistema de seguridade, tipo quitamedos.

Son conscientes tamén dende o PP gondomareño da perigosidade para os peóns que cada día usan esta estrada para os seus desprazamentos, debido á cantidade de vehículos que transitan a diario pola citada estrada e carecer a mesma de beirarrúas. En dita moción solicitan tamén a continuación ata o centro da vila das beirarrúas que na mesma curva do Armeiro comezan en sentido ascendente.

Esta semana e aproveitando unha visita a Gondomar da deputada provincial do Partido Popular María Carmen Amoedo Dasilva, os concelleiros do PP gondomareño achegáronse ao lugar para ensinarlle a realidade da situación desta estrada e que poida solicitar directamente na Deputación Provincial de Pontevedra ás accións que levarán ao pleno do concello.

María Carmen Amoedo está realizando estes días unhas visitas aos concellos da comarca de Vigo para interesarse e coñecer in situ as necesidades dos veciños con respecto á Deputación Provincial. Paula Bouzós e Julio Fernández, concelleiros do PP gondomareño, aproveitaron a ocasión para comentarlle diversos temas que xestiona a Deputación Provincial de Pontevedra e que afectan directamente aos veciños de Gondomar, asuntos dos que a deputada tomou nota e que xestionará directamente na institución Provincial.

Para a voceira do PP de Gondomar é inadmisible que un goberno con sete concelleiros con dedicación non se preocupe dun problema tan importante como é a seguridade dos veciños. “Parece que a este goberno só lles importan as luces e as plantas”, afirmou Paula Bouzós.

Anuncios