Os colexios de educación infantil e primaria de Gondomar adornan o Nadal

No obxectivo do goberno local de Gondomar de implicar a todos/as na celebración do Nadal locen xa as primeiras árbores decoradas con motivos feitos por alumnos/as dos colexios do municipio, elaborados todos eles con materiais reciclados.

No centro de saúde pódese gozar xa das creacións dos pequenos/as do CRA Antía Cal, descubrindo o uso tan orixinal e divertido que pode darse os vasos de iogur. E no Concello, poderemos descubrir o traballo do alumnado do CEIP de Vincios, que, entre outros materiais, descúbrenos que uso dar os CD’s, converténdoos en simpáticos renos.

Con esta iniciativa búscase a máxima implicación da rapazada no Nadal do municipio á vez que se aposta pola educación en valores de respecto ao medio ambiente, apostando pola reciclaxe e reutilización.

Nos próximos días situaranse catro árbores na Casa da Cultura, Praza de Abastos e Auditorio, decorados polos estudantes dos CEIP Chano Piñeiro, Neira Vilas de Peitieiros, a Escola Infantil Galiña Azul e o Centro de Educación Infantil San José.

Anuncios