O Bai Nadal ofrecerá unha trintena de actividades

O Concello de Baiona presentou este xoves a programación Bai Nadal 2019-2020, elaborada conxuntamente pola Concellería de Cultura e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA). Esta tarde será o pistoletazo de saída co aceso da iluminación na Praza do Concello, “no cal este ano se realizou un esforzo considerable para ambientar e encher de luz e cor as nosas rúas, rotondas e prazas desde este xoves 5 de decembro de 2019 ata o 6 de xaneiro de 2020, un mes completo no que Baiona brillará con luz propia”, sinalou Miriam Costas.

Como novidades nesta programación destaca “Nadal nas Parroquias”, onde contarán coa visita de Papá Noel ou o Paxe Real, chocolatadas do Nadal e obradoiros infantís, “co obxectivo fundamental de felicitar e celebrar con todos os veciños estas festas do Nadal chegando a todos os recunchos do municipio”.

O Concello de Baiona e ACEBA apostan pola dinamización da vila cunha programación musical dentro do Bai Nadal 2019-2020, no que participan moitas asociacións culturais do municipio, “ás que desde aquí aproveito a ocasión para darlles o meu máis sincero agradecemento pola súa colaboración”, destacou a edil de Cultura. Todo iso co obxectivo primordial de encher de oferta cultural do Nadal os días máis sinalados de decembro e xaneiro nestas datas do Nadal.

Destacan o Concerto Tradicional de Panxoliñas da Coral Polifónica Baiona La Real, o Concerto de Nadal do Coro de Homes Voces Baionesas e o do Grupo de Cordas Bayona Bay, o Concerto de Fin de Ano da Banda de Música de Baiona, as actuacións das escolas de danza de Baiona “Galicia en Danza” e “Dando la Nota” de Baredo, a tradicional Ruta Moteira dos Papa Noeles, un Concerto e Mercadiño Solidario coa participación de grupos musicais destacados, como o dúo Awen e o grupo Atlantic, con postos das ONG de Baiona e un posto de troco no que para poder levar algo haberá que deixar un alimento non perecedoiro.

Para facer as delicias dos máis peques e dos que non son tan peques, un Mini Bus de Papá Noel percorrerá durante catro días a rúa Carabela Pinta, o casco vello e a Avda. Julián Valverde en Sabarís, enchendo de ilusión e maxia aos máis pequenos.

Este ano e por primeira vez quíxose involucrar á Concellería de Deportes nesta programación coa actividade “Nadal Deportivo Solidario”, na que todos os nenos e nenas que o desexen de entre 6 e 14 poderán gozar da multitude de actividades lúdicas deportivas e de lecer no Pavillón de Deportes durante catro días cun horario adaptado para permitir a conciliación familiar e laboral tan necesaria nestas datas do Nadal. “Estas xornadas non se poderían realizar sen os clubs que se prestaron a colaborar desde o momento que se lles expuxo a proposta”, lembrou Miriam Costas.

Tamén haberá actividades como a visita do Apalpador, contacontos, cinema, inchables, Le Barluthier Piano Bar en Carabela Pinta, concerto acústico Rivergood en Sabarís, ou pasarrúas como Berassica Rapa e La Franga. Todo isto completa a programación do Nadal, sen esquecernos da festa Precampanadas Fin de ano 2020 prevista para o sábado 28, “que con acerto e bo resultado iniciou o ano pasado Aceba e que con moito gusto organizamos conxuntamente este ano para gozar entre todos dunha noite chea de música da man de Broken Peach, Dj Enter e o pasarrúas de Fanky Party de Troula Animación, que encherán de luz e cor o casco vello baionés”. Un gran reloxo previsto para a ocasión dará as precampanadas na Praza do Concello dando a prebenvida ao ano novo, grazas aos alumnos do Centro Juan María.

Como colofón celebrarase a Gran Cabalgata de Reis, que sairá desde a Ponte Romana ás 17:00 horas e desde a praia de Santa Marta ás 18:00 horas. Contará co grupo de animación portugués Spirit e comparsas de asociacións e clubs do municipio. “Agradecer aos nosos operarios do concello, que levan traballando todo novembro a contrarreloxo para poder chegar a tempo e grazas a eles imos ter unhas carrozas iluminadas por máis de 9 millóns de puntos led”, concluíu a concelleira de Cultura.