Comprar este Nadal en Baiona pódeche levar a Londres

Xunto coa programación do Bai Nadal 2019-2020, este xoves presentouse a campaña de Nadal da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), unha das máis importantes da vila, e que ten como obxectivo incentivar o comercio local durante estas datas. Todos os clientes que realicen as súas compras nos establecementos asociados recibirán un pasaporte, que unha vez selado e cuberto deberá ser depositado na caixa de correos de ACEBA que está situada na Rúa Elduayen, para participar no sorteo dunha viaxe a Londres para dúas persoas, con curso de inglés incluído cedido por Royal Celtic Bay.

Para participar hai que comprar en calquera dos establecementos asociados a ACEBA ata o próximo 6 de xaneiro, pedir no comercio o selo do establecemento ao facer a compra ou consumición, cubrir o pasaporte cos datos e unha vez cuberto introducilo na caixa de correos de ACEBA que está na Rúa Elduayen.

O presidente da ACEBA, Marcos Comesaña, que destacou a importancia das compras no pequeno comercio, agradeceu á concelleira de Cultura, Miriam Costas, “todo o seu esforzo e dedicación para que a campaña sexa un éxito”, así como ao alcalde, Carlos Gómez, “que se preocupa de todo cada minuto e está en contacto connosco 24 horas tamén colaborando para que nada falle”. Tamén destacou a colaboración dos medios de comunicación, Sofistik2, o Centro Juan María, os operarios municipais, a directiva de ACEBA, os establecementos patrocinadores da viaxe a Londres e Royal Celtic Bay.

Marcos Comesaña aproveitou este primeiro acto público co novo goberno para aclarar que nestes últimos meses ambas as dúas institucións puxéronse en marcha e grazas a infinidade de reunións e contactos “finalmente conseguimos unir as engrenaxes para camiñar xuntos en todo e aos poucos”. “Grazas ao tempo e a experiencia teremos unha maquinaria que seguro funcionará perfectamente para conseguir o noso obxectivo común que non é outro que alcanzar a dinamización da Real Vila, mover o motor económico, crear emprego e fixar poboación”.

“Estes últimos meses estívose falando de que se ACEBA era doutra cor, se ACEBA non participaba co novo goberno, etc. Eles acaban de chegar e necesitan adaptarse e habituarse ás mecánicas e procesos do día a día da vila como calquera persoa que inicia un novo traballo ou comeza a vivir nunha nova casa. Pero hai outra realidade, nós desde a asociación temos tamén que adaptarnos e non menos que eles. Asegúrovos que as cores os deixaremos para o arco iris porque non son do noso interese”, concluíu o presidente dos empresarios.

Anuncios