O Rallye Recalvi Rías Baixas, mellor proba do Campionato Galego 2019

O 53 Rallye Recalvi Rías Baixas foi a carreira mellor organizada do Campionato Galego de Rallyes de asfalto 2019. Así o anunciou a Federación Galega de Automobilismo despois de analizar as puntuacións realizadas polos seus observadores en cada un dos ralis. O Recalvi Rías Baixas impúxose en todos os apartados: organización, verificacións, itinerario, oficiais… obtendo unha puntuación final de 2818 puntos, case 200 máis que o segundo clasificado.

É un recoñecemento que foi acollido con moita satisfacción entre os membros da Escudería Rías Baixas, “porque souberon valorar o noso traballo, o esforzo de todos os voluntarios que colaboran connosco -asegura o seu presidente Fernando Mouriño- e porque recompensa a aposta que fan polo “Rías”, as institucións e as empresas patrocinadoras e anímanos a querer superarnos na próxima edición”. Un 54 Rallye Recalvi Rías Baixas que xa ten data de celebración; “o próximo ano iremos á última fin de semana de maio para non coincidir con outras carreiras importantes que se celebrarán durante ese mes”, anuncia Mouriño.

E como nas dúas últimas tempadas, volverá incluírse dentro do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto, que en 2020 preséntase en grao sumo interesante. Ás xa habituais copas de promoción no certame autonómico sumaranse dúas novas propostas, pensadas para os vehículos máis potentes e que animarán a cabeza de carreira. Tanto o Supercampionato R5 como o Supercampionato N5 supoñerán unha importante inxección económica en premios para os participantes e serán un rechamante reclamo non só para equipos locais, tamén doutras comunidades, cando non de Portugal, para disputar o rexional galego de rallyes. Ambos os dous trofeos chegan da man, entre outros, de Recalvi, RMC e Pirelli. Con premios de 40.000 e 20.000 euros para o gañador de cada un deles (ademais de importantes contías para o resto de primeiros clasificados) ambos os dous trofeos empezan a atraer nomes importantes a un campionato que vai estar en grao sumo rifado, con máquinas de última xeración e que se están confirmando nas últimas semanas deste 2019, caso de Iago Caamaño ou Óscar Palacio, con senllas unidades do novo Ford Fiesta R5 MkII.