O PP de Baiona esixe que se restableza o servizo nocturno da Policía Local

O PP de Baiona esixe ao tripartito formado por PSdeG, BNG e Nós Baiona a que restablezan “canto antes” o servizo nocturno da Policía Local polo perigo e a inseguridade que supón para os veciños, especialmente en datas festivas onde a poboación e a actividade increméntase notablemente e, sobre todo, en horario nocturno. Ángel Rodal, portavoz do grupo municipal popular defenderá no próximo pleno unha moción presentada por urxencia para “resolver un problema que pode agravarse” aínda máis durante as festas do Nadal. “Resulta preocupante que quen debe velar pola nosa seguridade e cobran por iso non se inmuten o máis mínimo e deixen a Baiona a mercé duns vándalos que poden campar ás súas anchas sen ningún medo a represalias”, explica Rodal ante esta “improvisación temeraria do tripartito”.

Os populares afirman que consideran esta situación “inconcibible e sen precedentes” e podía evitarse con “organización, diálogo e argumentos coherentes”. Así, lembran ao Alcalde, Carlos Gómez, como último responsable da seguridade do municipio, que “Baiona sempre foi un referente en benestar e seguridade de residentes e visitantes grazas á efectividade e o compromiso dos axentes da Policía Local e á xestión dos recursos por parte dos seus dirixentes” algo que “este rexedor cargouse nada máis chegar demostrando a súa incapacidade, o seu descoñecemento e a súa irresponsabilidade cos veciños”.

Vaga de roubos, delitos de tráfico e vandalismo

Precisamente desde que o rexedor confirmou que Baiona non terá servizo nocturno de Policía Local ata o próximo 1 de febreiro sucedeuse unha vaga de roubos en vivendas durante as noites. Ademais de importantes delitos de tráfico nunha das principais rotondas do municipio. Os propios veciños gravaron a un vehículo facendo buxainas en Sabarís con total “impunidade” e “liberdade” e “sen medo” á presenza policial. A isto súmanse diversos actos vandálicos contra o mobiliario público co gasto que iso supón para o peto de todos os baioneses. “Que pasa coas vivendas das familias que celebren as festas fóra do seu domicilio? Nós non podemos consentilo”, reafírmanse desde o PP baionés.

“Baiona non pode prescindir deste servizo tan necesario durante todo o ano pero menos aínda en Nadal porque, a diferenza do resto de municipios da contorna, o noso pobo conta con lecer nocturno que se incrementa en época festiva”, apunta Rodal para engadir que un dos colectivos afectados pola inseguridade que xera a falta de Policía Local é o dos maiores que viven sós “debido a que agora senten máis desprotexidos”.

Anuncios