Alumnos do Souto-Donas piden ao alcalde de Gondomar un “Banco da Amizade”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, recibiu este luns no Concello a Nina, Cristian e Nerea, tres alumnos do CEIP Souto-Donas que lle entregaron unha carta en nome dos seus compañeiros. Todos eles forman parte do grupo de “mediadores” que funciona durante o recreo e que decidiu escribir a misiva para facerlle chegar ao rexedor o seu desexo de que no colexio sitúese un “Banco da Amizade”.

“Nós somos o grupo de mediación do colexio e gustarianos desenvolver este proxecto no noso centro. Pensamos que é necesario para que ningún/ha nen@ estea soa nos recreos”. Así o recollen na carta, asinada polos 20 escolares de 5º e 6º de primaria que, explicaron ao alcalde, que a súa función “é tentar mediar cando hai algún problema no patio, entre os compañeiros/as, dándolles a oportunidade de falar e buscar unha solución entre todos”.

Paco Ferreira felicitou a Nina, Nerea e Cristian pola súa implicación e comprometeuse a situar no colexio Souto-Donas un dos catro “Bancos da Amizade” que, tal e como anunciou recentemente, construiranse no taller de carpintería do Centro Juan María.

Súmase así Gondomar á proposta da pequena Acacia Woodley que solicitou no seu colexio este banco para poñer fin ás disputas entre os alumnos, ou para que os nenos atopen ánimo e consolo ante calquera problema. É un banco contra o acoso escolar e a favor do respecto e a amizade.

Anuncios