Cinco persoas detidas por roubos en establecementos de hostalería de Baiona, Nigrán e Gondomar

A Garda Civil detivo en Vigo a cinco persoas e investigou a unha sexta por máis dunha trintena de roubos cometidos en cafeterías, bares e restaurantes. Actuaban preferentemente na provincia de Pontevedra e atribúenselle varios roubos na Coruña, Salamanca e Zamora.

Trátase dun grupo criminal perfectamente estruturado, formado por catro homes e dúas mulleres, todos eles residentes en Vigo, cun amplo historial de antecedentes por delitos contra a propiedade que poñen de evidencia a súa dilatada experiencia neste tipo de roubos con forza.

Actuaban de forma coordinada, organizada e co rostro sempre cuberto, en grupos de dous e tres persoas e empregaban unha ampla variedade de vehículos nos seus desprazamentos.

As investigacións realizadas no marco da denominada operación “Varadoiro” iniciáronse a principios deste ano polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa por mor dun roubo que se cometeu nun bar de Caldas de Reis.

A medida que se foi avanzando nas investigacións e ao ir coñecendo a posible implicación dos sospeitosos noutros roubos que se viñan producindo noutras localidades da provincia, foi necesario o apoio dos equipos de investigación dos Postos da Garda Civil de Baiona, O Porriño e Ponteareas para coordinar un dispositivo conxunto de investigación que permitiu o esclarecemento de preto dunha trintena de roubos con forza cometidos durante os últimos meses nas súas respectivas demarcacións territoriais.

Deste xeito, a Garda Civil puido chegar á identificación e posterior detención dos presuntos autores, que vén facendo de forma graduada desde principios do mes de outubro. Trátase de cinco veciños de Vigo, tres homes e dúas mulleres, en idades comprendidas entre os 33 e os 45 anos. Unha sexta persoa, tamén veciña de Vigo foi notificada como investigada polos mesmos delitos.

En total esclarecéronse 31 roubos con forza en bares, cafeterías e restaurantes. A maior parte deles, 26 concretamente, foron na provincia de Pontevedra: 5 en Nigrán, 3 en Baiona, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa; 2 en cada un dos municipios de Porriño Gondomar, Tui, Caldas de Reis e Cambados; 1 na Cañiza e outro en Pontevedra.

O radio de acción deste grupo organizado estendeuse á provincia da Coruña, cun roubo na localidade de Padrón e mesmo fóra da comunidade autónoma, con 2 roubos en Salamanca e outros 2 na localidade zamorana de Tábara.

En todos os casos investigados destaca a especial violencia que os compoñentes do grupo empregaban para romper as máquinas recreativas, cuxa recadación era o seu principal obxectivo. Na maior parte dos locais esnaquizaban as máquinas golpeándoas cun tallo, causando danos materiais de especial consideración. O diñeiro subtraído alcanza os 60.000 euros e os danos materiais superan os 48.000 euros.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución Nº 1 de Caldas de Reis, que decretou a liberdade provisoria con cargos de todos os detidos.