Gondomar inaugura a súa iluminación do Nadal e convida os seus veciños e veciñas a “Escribir o teu Nadal”

Baixo o lema “Escribe o teu Nadal” o goberno local de Gondomar, a través da súa Concellería de Cultura, inaugurou oficialmente este domingo a iluminación do Nadal e con el o amplo programa de actividades que arrancou esa mesma tarde cun espectáculo de animación que encheu a rúa de personaxes do “Bosque Máxico”, e coa actuación das escolas de danza do municipio, un programa que se prolongará ata o día seis de xaneiro, con actividades pensadas para grandes e pequenos.

“Queremos implicar a todos os veciños e veciñas neste Nadal no que incluímos novidades coas que buscamos, precisamente, a súa participación directa”, afirma o alcalde Paco Ferreira, que destaca entre outras novidades a celebración dun Mercado do Nadal, coa participación do comercio de Gondomar, ou a do “Rastrilo Familiar” no que os participantes poderán poñer á venda produtos de segunda man, o próximo 6 de decembro.

A literatura, a música, as tradicións e a cor serán nexos de unión dun programa que se irá narrando día a día coa presenza de “O Gondomaro”, personaxe que estará presente nos distintos escenarios nos que se desenvolverán as actividades previstas para estas datas, “dando fe, cal notario, de todo aquilo que pasa ao seu ao redor e que irá conformando o relato do Nadal o noso concello”.

Unha localidade na que non faltarán as luces que, máis aló do número de arcos e lámpadas, buscarán crear un ambiente propio destas datas combinando en todos os lugares nos que lucirán as cores do Nadal: verde, vermello e branco. Á iluminación sumaranse elementos decorativos como pode ser un tío vivo, no Palco de Música da Praza da Paradela, unha representación do vello tranvía, ou a xa tradicional “árbore vermella”.

Na procura de implicar ao maior número posible de persoas, os colexios do municipio decorarán con adornos reciclados realizados polos propios escolares cinco árbores que se situarán outros tantos edificios municipais, para que poidan visitalos todos os que estean interesados.

A todo iso sumarase un programa de actividades, que se vai a desenvolver ata
o 6 de xaneiro, no que se inclúe animación infantil, cine, teatro ou as visitas de Papa Noel e o Apalpador, entre outras, así como a recuperación do Belén Vivente, que se celebrará no Parque da Coelleira, ou o tradicional Certame de Corais, o concurso de Rondallas ou a Cabalgata dos Reis Magos.

Anuncios