Exitosa tempada de bolos celta para os clubs e xogadores do Val Miñor

A Federación Galega de Bolos, con Isidro Costas e José Rodríguez á cabeza, celebrou este domingo no Centro Cultural de Mañufe a súa IV Gala do Deporte, na que se entregaron os trofeos e diplomas aos vencedores dos distintos torneos, campionatos e competicións de bolos celebradas durante a tempada 2019. Tamén se entregaron os trofeos correspondentes ao Torneo de Nadal da tempada pasada.

O bolo celta, coas súas variedades, deporte milenario, practícase en distintas zonas de Galicia repartidas polas catro provincias. Tamén se practica en ultramar, concretamente en centros galegos de Bos Aires e Montevideo, deporte levado a eses lares polos emigrantes do Val Miñor neses países.

Ademais dos torneos organizados polas Federacións Española e Galega de Bolos, para o próximo ano teñen en mente a organización dun torneo intercontinental a celebrar en Galicia, no que participarían, ademais das seleccións española, galega, asturiana e madrileña, o Centro Valle Miñor de Montevideo (Uruguai) e a Asociación Arxentina de Bolos, que aglutina o Centro Valle Miñor, Centro Cangas del Narcea e Centro Galicia de Bos Aires (Arxentina).

Entregáronse un total de 178 diplomas e 95 trofeos entre 19 clubs e 159 xogadores. Todos os galardoados, xogadores e clubs, das categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, feminina, sénior e veteranos e superveteranos, pertencen á comunidade galega, en maior parte á provincia de Pontevedra e máis concretamente á zona sur. Tamén xogadores e clubs das provincias da Coruña e Lugo.

Tras a proxección dalgunhas fotos dos distintos campionatos nacionais, rexionais e locais celebrados durante este ano e un minuto de silencio polos xogadores ou ex xogadores falecidos durante a presente tempada –Jose Fernández, ex xogador do club de bolos A Xunqueira; Luis Fernández, xogador do Centro Valle Miñor de Bos Aires (Arxentina); e Marcos Vasconcellos, xogador do club de bolos Belesar Urgal-, comezou a entrega de galardóns, da man dos alcaldes de Baiona e Nigrán, Carlos Gómez e Juan González, e os concelleiros Nuria Lameiro, Juan Rodríguez Bas, Miriam Costas, Jose Luis Sanromán e Óscar Martínez, e deputado provincial de deportes, Gorka Gómez.

Primeiro entregáronse os diplomas dos distintos torneos internacionais, nacionais e rexionais correspondentes, nos que xa se fixo entrega dos trofeos no seu día, para terminar cos diplomas e trofeos dos torneos rexionais da tempada. Ademais entregouse o IV Trofeo Galaico a medios de comunicación e institucións que foi instituído no ano 2016, e que foi concedido nesta edición ao Períodico O Sil de Ourense e á Deputación de Pontevedra.

Ao finalizar a gala, conducida por Pepe Costas, os asistentes puideron gozar duns petiscos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios