O Maija, vencedor da Liga de Outono AXA J80

O Maija de José Luis Pérez, Roberto Simón, Miguel Larrán e Javier Pérez alzouse vencedor esta tarde en Baiona da última edición da Liga de Outono AXA J80, celebrada desde o pasado mes de outubro na baía baionesa.

A regularidade de resultados que o monotipo do Monte Real logrou nas doce regatas disputadas ao longo de catro xornadas permitíronlle manterse sempre nos postos de cabeza e levar o triunfo final.

Empezaron segundos por detrás do Namasté tras o primeiro asalto, pero unha vez que lograron subirse á primeira posición, xa non houbo tripulación capaz de facelos baixar do máis alto. Lograron o liderado na segunda xornada, revalidárono na terceira e chegaron á final con claras aspiracións ao título.

Este sábado saíron ademais convencidos, e pouco puideron facer os seus rivais para arrebatarlles a anunciada vitoria. O Maija mantivo a regularidade pola que se caracterizou durante toda a liga e asinou dous terceiros e un cuarto nos parciais.

Acabou a liga con 22 puntos, a 11 do Cansino de Fernando Yáñez que, con 33 puntos, quedou segundo. O bronce da competición, con 36 puntos, foi para o Spaco de Santiago Estévez.

O Luna Nueva de Juan Luis Tuero e o Namasté de Luis de Mira quedaron cuarto e quinto respectivamente, con 39 e 42 puntos; e completaron a clasificación o Pazo de Cea de María Campos, que hoxe se impuxo na terceira proba celebrada; o Miúdo de Nico Domínguez, cunha tripulación de alumnos da Escola de Vela do MRCYB; o Petrilla de Jaime Barreiro, que con Javier de la Gándara a bordo puido asinar hoxe un primeiro posto nunha manga; o Mondo de Bernardo Macedo; o SND Corvorán de Francisco Martínez; o Ferralemes de Jaime García e o Ay Carmela de Juan Martínez Pazó.

Unha vez finalizada a competición na auga, o Monte Real Club de Yates, organizador do campionato, acolleu a entrega de premios aos gañadores. Os vencedores da última edición da liga de monotipos recibiron os seus trofeos no marco dunha cea á que asistiu toda a frota, membros da xunta directiva do club e representantes de AXA, patrocinador do campionato.

Posto o punto e final á Liga de Outono, o Monte Real dá por clausurada a tempada deportiva do 2019, na que organizou un total de 11 competicións, dúas delas especiais e exclusivas para a clase J80. En 2020, os monotipos volverán ter un protagonismo especial, sendo os encargados de inaugurar o calendario a súa participación na Liga de Inverno a partir do próximo mes de xaneiro.

Anuncios