
Este sábado 30 de novembro, ás 19:00 horas no Centro Cultural de Vincios, celebrarase o V Memorial Secundino Pérez Sanromán. Este acto é unha homenaxe ao profesor e gaiteiro Secundino Pérez Sanromán dos que foron os seus alumnos e alumnas nos grupos que grazas a el, tamén, se foron fundando no Val Miñor. Este memorial vense organizando desde o ano 2015.
Natural de Chandebrito, Secundino Pérez Sanromán foi un músico vocacional e autodidacta que se dedicou ao ensino da nosa música tradicional durante máis de corenta anos. Chegou ser un referente da música tradicional galega, gaiteiro, saxofonista, mestre de varias xeracións de músicos, compositor, é unha persoa inesquecible para todas e todos os que tiveron a oportunidade de aprender con el.
Por iso, como lembranza e recoñecemento, os que un día foron os seus alumnos e alumnas veñen organizando esta homenaxe que cada ano organiza un dos grupos en que el foi mestre.
Nesta edición de 2019, correspóndelle a organización do acto ao Grupo de Gaitas Aires de Santes de Vincios. O acto conta tamén coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra.
O memorial celebrarase no Centro Cultural de Vincios, a partir das 19:00 horas, e nel participarán: Ecos e Agarimos de Peitieiros, Novos Aires de Couso, A Merced de Chaín, Ardelume de Baíña e Aires de Santes de Vincios.