Nigrán arranca a súa programación de Nadal con preto de medio cento de actividades

O Concello de Nigrán arranca co inicio do mes de decembro unha programación especial de Nadal que concentra preto de medio cento de actividades desde este domingo día 1 co mercado dos comerciantes de A Ramallosa en Panxón ata a cabalgata de Reis, o 5 de xaneiro, como punto final. As cinco mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de todas aquelas persoas que as soliciten para garantir así a accesibilidade nos diferentes concertos.

Así, tras celebrar o Día Internacional da Discapacidade o martes 3, o venres 6 de decembro terá lugar o acendido das luces de Nadal na Praza do Concello coa actuación de Peter Punk e o concerto posterior da banda feminina de rock&Soul Broken Peach. Ao día seguinte celebrarase unha das novas iniciativas do Concello neste Nadal, un bingo solidario no Auditorio Municipal co concerto posterior de Argonat Band. Non será a única novidade na programación, o Concello ofrecerá sendos concertos no Templo Votivo do Mar en Panxón (“Il Bimbi Appassionati” e o grupo de música antiga “I Colori dell’Armonía” o domingo 8 e a Coral Novos Aires o sábado 21) ou unha gala de teatro o día 28 e outra de Afaga o día 27, ademais, colaborará cos comerciantes na celebración das 12 badaladas o mediodía do 28 na Alameda de San Campio.

Como é preceptivo nestas datas, os nenos serán os protagonistas na programación non só na Cabalgata do día 5 de xaneiro, se non moi especialmente durante o período de vacacións escolares. O Concello, ademais de organizar a ludoteca de Nadal e ofrecer a visita dos paxes reais ou Papá Noel a tódolos colexios e a Praza Rosalía de Castro e Auditorio, ofrecerá diferentes sesións de contacontos os días 27 de decembro e venres 3 de xaneiro, e os musicais “A voar” de Cé Orquestra Pantasma o domingo 29 e “Pedro e o lobo”, de Prokofiev, o xoves 2. Novamente, prográmase unha excursión a Perlim o xoves 26 (inscrición previa do 16 ao 20 de decembro) e o colexio Humberto Juanes realizará dous festivais solidarios o xoves 19 e venres 20.

Citas xa tradicionais como o baile de maiores (día 15) ou o pasarrúas da Rondalla de Parada (martes 24) e o concerto de corais (día 14) mantéñense na programación un ano máis xunto aos papanoeles surfeiros ou moteiros os dous o día 22 e o cine-club Alice Guy o 19.

No eido deportivo, os clásicos torneos solidarios multiplícanse co “Encesta un alimento” do CB Nigrán (21 e 22), fútbol-sala (27, 28 e 29) e patinaxe (20) no Pavillón, o de xadrez Laroca no Auditorio (20, 21 e 22) e, finalmente, a carreira San Silvestre organizada polo Concello o sábado 28.

“En definitiva, deseñamos unha programación pensando en todas as idades e en todos os gustos para que ninguén se sinta fóra”, resume o alcalde, Juan González.

2019-11-29 - FACEBOOK_Cartel_A3_Programa_Nadal2019_1