Curso de informática básica para mulleres desempregadas en Baiona

A Concellería de Igualdade de Baiona organiza un curso de informática básica para mulleres desempregadas. Impartirase no Multiusos Ángel Bedriñana, no marco do programa de activación para o emprego das mulleres do Concello de Baiona.

Trátase dun curso de formación no que se impartirán coñecementos básicos do manexo dun ordenador así como das ferramentas que podemos empregar para elaborar un currículo, para buscar emprego ou desenvolverse con seguridade en internet.

Está dirixido principalmente ás mulleres participantes no programa, pero abrirase ao resto de mulleres do concello, de feito está prevista a formación de dous grupos en horario de mañá.

Este curso forma parte do proxecto de activación para o emprego das mulleres de Baiona que organiza a Concellería de Igualdade e que está financiado pola Deputación do Pontevedra, co obxectivo mellorar as posibilidades de inserción laboral das mulleres do concello, mediante unha metodoloxía que combina traballo individual e grupal con actividades formativas, baseándose na metodoloxía dos Clubs de Emprego, e centrándose especialmente en prestar apoio a mulleres pertencentes a colectivos con maiores dificultades.

As mulleres interesadas en participar poden pedir información no Centro de Información á Muller.

Anuncios