Nigrán inviste 82.000 € do Plan Concellos nun camión 4×4 destinado ao servizo de Vías e Obras

O Concello de Nigrán vén de investir 82.667 euros a cargo do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra nun camión 4×4 Iveco Eurocargo destinado ao departamento de Vías e Obras. O vehículo, que será dotado de grúa e carrozado, permitirá renovar e ampliar unha flota moi avellentada e, con elo, optimizar o traballo que desenvolven os operarios municipais. Este conta con dous anos de garantía sen limitación de quilómetros e horas, cubrindo tódolos gastos de substitución ou reparación de defectos non imputables ao normal deterioro ou uso inadecuado.

Igualmente, dentro deste Plan Concello 2017, o Concello ven de adquirir equipamento deportivo por valor de 6.818 € e destinado fundamentalmente á futura pista de atletismo de Porto do Molle. Entre o material figura un listón para practicar salto de altura, 15 vallas de competición e 10 de dobre altura, unha pértega, 3 discos de atletismo, unha xavelina, 6 tacos de saída, dous trineos de arrastre, 5 balóns medicinais…

Finalmente, tamén no Plan Concellos 2017, o Concello investiu 10.200 € en equipamento de oficina para o Centro Antena e outras dependencias municipais. Así, este importe consta dunha fotocopiadora multifunción, unha impresora láser, 7 pantallas LED e unha ensobradora/plegadora.