Gondomar estrea a iluminación do Nadal cunha xornada de festa e un mercado

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Alumeado de Nadal.

Todo está listo en Gondomar para dar o pistoletazo inicial ao aceso do Nadal e así poñer en marcha o amplo programa previsto para estas datas, que arrancará oficialmente este domingo 1 de decembro, coa celebración do “Mercado do Nadal”, durante todo o día, e xa, pola tarde, coa conta atrás que inaugurará oficialmente a iluminación do Nadal deste ano.

“Queremos que poidan gozar deste acto o maior número de persoas posible, e por iso quixemos asegurarnos que a choiva non o impedía”, afirma o rexedor, Paco Ferreira, que explica así a decisión de pospoñer 24 horas as actividades ante as previsións de precipitacións para o sábado 30 de novembro, e que poderían deslucir o aceso.

Así, o domingo 11:00 horas, arrancará oficialmente o programa de actividades coa inauguración do “Mercado do Nadal”, que se celebra por primeira vez no municipio. Durante todo o día a Praza da Paradela acollerá os postos deste mercado do Nadal, no que participan hostaleiros e comerciantes de Gondomar.

A partir das 18:00 horas a praza encherase da maxia do Nadal e fantasía grazas aos personaxes procedentes do “Bosque Máxico”, aos que “Sarao Animación” dará vida, e cos que todos os que queiran poderán fotografarse nun photocall montado para a ocasión.

Ás 19:30 horas, será a quenda para a música e a danza da man das tres escolas de baile de Gondomar que ofrecerán un espectáculo preparado para a ocasión.

Finalmente, ás 20:00 horas procederase á conta atrás do aceso do Nadal que lucirá este ano en Gondomar e que se completará cun amplo programa de actividades previstas ata o mes de xaneiro, todas elas enmarcadas baixo o lema “Escribe o teu Nadal”.

Anuncios