A Garda Civil incáutase de 60 litros de viño e licores de fabricación artesanal nun bar de Gondomar

A Garda Civil incautouse dunha partida de 60 litros de viño, augardente e licores de fabricación artesanal que se estaba comercializando de forma fraudulenta no municipio de Gondomar, sen ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais.

A actuación, levada a cabo pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Vigo, no marco das súas competencias específicas, foi como consecuencia dunha inspección rutineira que realizaron nun bar do termo municipal de Gondomar, coa finalidade de comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal da mercadoría que estaba disposta para a venda.

No transcurso da inspección, a Garda Civil localizou no interior do bar e do almacén 60 envases de distintos tamaños que contiñan 40 litros de viño e 20 de augardente e licores, todo diso de elaboración artesanal.

Segundo púidose comprobar, todos os envases, que aparentemente estaban dispostos para a distribución e venda aos clientes do bar, carecían das preceptivas etiquetas e marcas fiscais que puidesen determinar a súa trazabilidade, segundo dispón a lexislación vixente.

En consecuencia, a Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Vigo procedeu á incautación cautelar de todos os envases e, ao mesmo tempo, denunciaron ao responsable do bar por senllas infraccións administrativas: unha delas, á Lei 38/1992 de Impostos Especiais, da que é competente a Dependencia de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, por carecer das precintas fiscais e a outra á Lei 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que terá que resolver a Delegación Provincial de Sanidade da Xunta de Galicia.

Neste último caso, a denuncia ten a súa orixe no risco que a venda do alcol podería supoñer para a saúde pública, dado que ao carecer de etiquetas comerciais pérdese a trazabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución.