O CB Nigrán prepara a VI edición do Torneo Solidario “Encesta un Alimento”

O Club Baloncesto Nigrán está xa inmerso na organización da VI edición do Torneo Solidario “Encesta un Alimento”, que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Panxón os días 21 e 22 de decembro. Trátase do torneo máis grande que organiza o club de baloncesto nigranés e que enche o Pavillón de Panxón durante dúas intensas xornadas.

Centos de nenos e nenas de toda Galicia gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas que terán ademais un importante carácter solidario xa que cada un dos xogadores e xogadoras, así como adestradores e adestradoras que participen, achegarán alimentos non perecedoiros, do mesmo xeito que poderá facer o público asistente. Posteriormente, no acto de clausura do torneo, farase entrega da totalidade dos alimentos ao Concello de Nigrán co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas da localidade.

Desde a categoría baby ata a categoría júnior, pasando polas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto masculino, feminino como mixto, desfilarán polo pavillón ao longo do sábado 21 e domingo 22 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa.

Os partidos serán arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en edicións pasadas. Ademais dos encontros deportivos realizaranse aos longo dos dous días o sorteo de diferentes agasallos entre todos os asistentes.

Desde o Club Baloncesto Nigrán queren agradecer á Federación Galega de Baloncesto, a Caixa Bank, a Frutas Nieves, que achegará froita para todos os participantes, e ao Concello de Nigrán, a súa colaboración na organización deste evento.

Anuncios