Os profesionais sanitarios da Atención Primaria teñen convocados dous días folga. Os traballadores e traballadoras dos Centros de Saúde do Val Miñor secundaron o parón e concentráronse este mércores para reclamar melloras na calidade e pola dignidade da Atención Primaria. Piden unha xerencia e orzamento propios, ademais dunha axenda de trinta pacientes por día, que se cubran todas as prazas e unha atención homoxénea nas distintas áreas. Aseguran estar saturados e sen tempo para ver aos doentes. Pacientes solidarizáronse cos seus médicos nas súas xustas reivindicacións e concentráronse con eles no Centro de Saúde da Xunqueira e no de Baiona.


