A Xunta inicia as obras para crear un itinerario peonil seguro na contorna de Ureca

O alcalde de Nigrán, Juan González, celebra que se teñan iniciado xa as obras para crear un itinerario peonil seguro na contorna de Ureca, unha das alegacións do Concello de Nigrán ao proxecto da Xunta de mellora da seguridade viaria na PO-552. Esta cuestión fora transmitida verbalmente desde a alcaldía no pasado mes de outubro nun encontro coa conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez e figuraba nas alegacións oficiais do Concello (nas que tamén se incluía non eliminar a regulación semafórica da estrada en Mallón, tal e como estaba contemplado e feito no que a Xunta tamén rectificou).

“Estamos moi satisfeitos de que se teñan escoitado as nosas reclamacións da PO-552 e non temos dúbida de que deste xeito, falando entre as dúas administracións, este proxecto e todos os que veñan serán moi beneficiosos para Nigrán”, indica o rexedor

Para o Concello de Nigrán resultaba primordial que se contemplara a mellora da accesibilidade peonil na contorna de Ureca (rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño A Camesella), xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo a pesares de ser unha zona moi transitada, dado que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas. Para o Concello era imprescindible que se incluíse a construción de itinerarios peonís en toda esta zona que conectasen directamente coas beiravías da rúa Rans. “Ao fin se crea un tramo seguro e accesible que unirá A Ramallosa co centro de Nigrán, xa que ata agora era discontinuo e inviable. Era unha cuestión que levábamos anos demandando e que incluímos entre as alegacións ao proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-552”, finaliza.