
Hoxe, 25 de novembro, no Día contra a Violencia de Xénero, no CPI Arquitecto Palacios de Panxón quixeron poñerse, senón na pel, si nos zapatos de todas as mulleres que este ano levan morto no noso país. 52 mulleres que morreron polo feito de ser mulleres e de atoparse nas súas vidas con homes que non souberon ver nelas a seres cos mesmos dereitos e liberdades.
Todo o alumnado do centro rendeulles homenaxe lendo, un por un, os datos das mulleres asasinadas, mentres colocaron un par de zapatos vermellos en recordo de cada unha, como fixera a artista mexicana Elina Chauvet.
Entre todos formaron as palabras “Libres e vivas” e, para finalizar, dous alumnos de 4º da ESO leron un manifesto no que solicitaron que desaparezan todas as mostras de violencia machista e que non se xustifique ao home que empregue a violencia para dobregar e someter a muller como mostra machista.