O baionés Daniel Pazó gaña o Trail do Trega

O baionés Daniel Pazó Giráldez gañou este domingo a proba Advance 18K da VI edición do Trail do Trega, celebrado na Guarda. O deportista do Club Atletismo Baiona completou o percorrido nun tempo de 1:34:34. O evento contou coa participación de preto de 500 deportistas, repartidos nas tres opcións competitivas -Experience 12K, Advance 18K e Andaina-, que tiveron como punto de saída e chegada a Alameda da Guarda. Destacou a representación portuguesa e de persoas de máis de 12 provincias de toda España, que tiveron que desafiar ao tempo, con choiva e vento e, sobre todo, unha gran dureza polos desniveis do percorrido, pero coas impoñentes vistas sobre o Esteiro do Miño e a Desembocadura do Río Miño.