O Maija acariña a vitoria da Liga de Outono AXA J80

O Maija acariña a vitoria da Liga de Outono AXA J80 tras consolidar a primeira posición na clasificación a falta dunha xornada para que acabe o campionato.

O veleiro, patroneado por José Luis Pérez, asinou esta tarde unha nova vitoria cun segundo e dous terceiros parciais nas tres probas disputadas, logrando ser, unha vez máis, o máis regular de toda a frota de J80. Con 16 puntos na clasificación xeral provisional, o Maija afástase dos seus rivais e achégase á vitoria definitiva, que se decidirá en apenas unha semana.

Os seus rivais máis directos, desde a segunda e terceira posición da clasificación provisional, son o Cansino de Fernando Yáñez e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, que chegarán á final con 21 e 28 puntos respectivamente.

Aínda que menos regulares que o Maija, as tripulacións de Yáñez e Tuero volveron situarse entre as mellores, vencendo cada unha nunha das mangas disputadas.
Sufriron, iso si, caídas notables na puntuación de certas probas e esa falta de regularidade, que hoxe foi a tónica dominante en practicamente toda a frota salvo no caso do Maija, é a que lles mantén afastados do posto de honra.

A Liga de Outono AXA J80, que o Monte Real Club de Yates organiza co patrocinio de AXA Seguros, concluirá o vindeiro sábado, 30 de novembro, coa celebración das tres últimas probas na baía de Baiona. Será, sen dúbida, unha xornada emocionante xa que se se celebran polo menos dúas mangas das tres previstas, entrará en xogo un novo descarte, o que podería deixar sorpresas na clasificación final.

Unha vez acabe a disputa na auga, ese mesmo día celebrarase tamén a entrega de premios aos gañadores. Como vén sendo tradición, os trofeos entregaranse no marco dunha cea á que asistirán as tripulacións participantes, así como membros do comité de regata, da organización e patrocinadores.