Manifesto Miñor leva a pleno a escasa cobertura da Internet nas parroquias de Gondomar

Manifesto Miñor vai levar a Pleno a pésima conexión a Internet existente no rural de Gondomar. “Mentres o Goberno Municipal do PSOE enche a Vila de luces de Nadal, de adornos e eventos de todo tipo, cuxo custe xa veremos cando teñamos acceso ás facturas, os nenos do rural de Gondomar non lle poderán enviar as cartas por Internet aos Reis Magos de Oriente por carecer deste servizo nas súas parroquias, ou por ser de moi baixa calidade, mentres vemos como noutros concellos veciños comezan a resolver esta grave carencia”, sinala Antonio Araújo.

O concelleiro recorda que en Manifesto Miñor levan reclamando dende hai tempo, “que primeiro hai que apostar pola política do necesario e deixar para o final a política do bonito, aínda que isto dea menos votos. Os cartos públicos teñen que priorizarse nas necesidades básicas. Que o Sr. ferreira se poña as pilas que xa vai sendo hora, e se dedique ás cousas importantes, que para iso ten un goberno moi ben pagado onde están liberados 7 de 9 concelleiros”.

Un recente informe do Ministerio de Economía e Empresa que analizou a situación de cobertura da Internet no territorio do Estado, chegou á conclusión que na maioría do territorio rural a conexión a Internet é deficiente, agravándose especialmente en Galicia, Asturias e Canarias. Onde no caso de existir conexión, a velocidade da mesma está por debaixo de 2 Megabits cando o recomendable sería por riba de 10 Mbps.

Na sociedade actual a posibilidade dunha boa conexión á Internet pode marcar a diferenza entre quedar ou abandonar o rural; entre ter as mesmas posibilidades á hora de promover unha iniciativa comercial, empresarial ou, simplemente de avanzar nos estudos para a xente moza, nenos, lecer, acceso á información etc.

En resumo, podemos dicir que hoxe en día a fenda dixital existente entre o mundo urbano e o rural é unha realidade incontestable, que sumada a outras carencias de servizos públicos como transporte, saneamento, etc, fan que o despoboamento avance ás présas, e o que é peor, criando cidadáns de primeira e cidadáns de segunda, que sería o caso das parroquias de Gondomar.

“Esta situación en pleno S. XXI, e nunha sociedade que presume de avanzada, resulta intolerable para unha veciñanza que, no caso de Gondomar, ve como se gastan os cartos de todos en “cousas bonitas” esquecendo as cousas necesarias. Na actualidade a tecnoloxía ofrécenos un abano de solucións importantes para resolver esta discriminación en función das necesidades, demandas, etc, xa que logo é unha cuestión de vontade política facer entrar pola vía da responsabilidade social ás empresas operadoras de comunicación, unha tarefa que lle cómpre asumir sen demora ao Goberno Municipal”, engade Araújo.

“Nós non imos propoñer, por descoñecer as solucións máis acaídas, cales poden ser esas solucións técnicas, só nomearemos algunhas: a principal podería ser a Fibra Óptica; ADSL rural ou indirecto (só dispón del Movistar); Internet móbil (3G e 4G); WiMAX; Internet por Satélite Wifi 5G ou WiFi rural, etc. Dicir que neste senso a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia puxo en marcha un “Nodo de Cooperación 5G” entre o operador público RETEGAL e as operadoras Orange, Telefónica e Vodafone co obxecto de realizar diversas probas piloto en diferente puntos do rural galego”.

Para Araújo isto vén demostrar a existencia de solucións posibles e viables tamén para o Concello de Gondomar, alí onde sexa necesario. Manifesto Miñor leva detectado fallos evidentes e graves nas conexións a Internet en Morgadáns, Prado, Vilas, Murxido, etc.

Por todo isto, pedirá á Corporación Municipal acordar instar ao Goberno Municipal a facer coa máxima urxencia as xestións pertinentes ante as empresas operadoras de telefonía; Retegal, Xunta de Galicia, Deputación Provincial, etc co obxecto de resolver as carencias expostas nesta moción e acabar coa discriminación existente entre a veciñanza do rural e a das zonas urbanas.

Anuncios