Alumnos do Humberto Juanes presentan ao alcalde o seu traballo do Día Internacional dos Dereitos do Neno

O alcalde de Nigrán, Juan González, e parte do seu equipo de goberno, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Concello ao alumnado de 4º de Primaria do CEIP Humberto Juanes para que lles expuxesen de viva voz o seu traballo escolar con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno o 20 de novembro. Os rapaces leron e explicaron os diferentes aspectos recollidos pola ONU na Convención dos Dereitos do Neno e, ademais, suxeriron diferentes iniciativas para cooperar na protección da infancia desde a política local. Así, entre elas, propuxeron que se crease un “Banco do Tempo”, se impartisen clases particulares gratuítas, se cedesen vivendas baleiras a xente en situación de vulnerabilidade, se realizasen rastrillos ou, máis en concreto, celebrar eles mesmos un teatro con un fin solidario o 19 de decembro no Auditorio Municipal, cuestión que o rexedor aceptou de inmediato.

“Moitas das cousas que nos propuxestes xa as estamos a realizar dentro das nosas capacidades e competencias, pero é certo que temos que mellorar máis e ampliar estas políticas, estamos nese camiño”, reflexionou ante eles Juan González.

2019-11-22 - HJUANES (1)

Anuncios