A Liga de Outono AXA J80 entra na súa recta final

A Liga de Outono AXA J80 organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de AXA Seguros entra mañá sábado na súa recta final coa celebración da penúltima xornada de probas.

A partir das tres da tarde, a baía de Baiona acollerá a disputa de tres novas regatas do tipo barlovento sotavento nas que a frota de J80 tratará de asinar os seus mellores resultados ante o inminente final da competición.

O Maija de José Luis Pérez, un dos J80 máis regulares na evolución da liga, vai na cabeza seguido moi de preto polo Cansino de Fernando Yáñez e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero. Con 8, 10 e 12 puntos respectivamente, conforman un axustado podio provisional separados por unha marxe de apenas 6 puntos.

En cuarta e quinta posición, a unha distancia maior, sitúanse o Namasté de Luis de Mira, con 18 puntos; e o Spaco de Santiago Estévez, con 22.

A penúltima etapa da Liga de Outono AXA J80 celebrarase, se se cumpren as previsións, nun día moi nubrado cun vento do noroeste de entre 10 e 14 nós, con tendencia a ir rolando cara ao oeste. Á fronte do comité de regata, deseñando o campo e controlando a evolución das probas, estará Fernando Giraldo.

Anuncios