Gondomar inaugurará a iluminación de Nadal cun programa repleto de música, luz e cor

O vindeiro sábado, 30 de novembro, o goberno local de Gondomar inaugurará oficialmente a iluminación de Nadal que lucirá este ano no Concello, pospoñendo a posibilidade inicial de facelo este venres 22 de novembro debido ás pésimas previsións meteorolóxicas que se manteñen para a xornada e que impedirían gozar aos veciños do municipio das distintas actividades programadas para a ocasión.

Así, o vindeiro sábado 30 de novembro, a Praza Paradela converterase no escenario sobre o que se irán sucedendo diferentes actuacións como paso previo á conta atrás coa que o alcalde do municipio, Paco Ferreira, dará o pistoletazo inicial ao tradicional aceso.

A partir das 18:00 horas a praza encherase da maxia do Nadal grazas aos personaxes aos que “Sarao Animación” dará vida e cos que quen estea interesados fotografarse nun photocall montado para a ocasión.

Ás 19:30 horas, será a quenda para a música e a danza da man das tres escolas de baile de Gondomar, que ofrecerán un espectáculo preparado para a ocasión.

Finalmente, ás 20:00 procederase á conta atrás do aceso da iluminación de Nadal que lucirá este ano en Gondomar e que se completará cun amplo programa de actividades previstas ata o mes de xaneiro, todas elas enmarcadas baixo o lema “Escribe o teu Nadal”.

Anuncios