Baiona advirte aos hostaleiros de multas por falta de limpeza nas súas terrazas

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, lembra a través dun Bando que en aplicación da ordenanza municipal de limpeza e xestión de residuos sólidos urbanos, “a sucidade da vía pública producida como consecuencia do uso común especial e de uso privativo será responsabilidade dos seus titulares”.

O rexedor advirte que os propietarios de establecementos, sexan ou non fixos, tales como bares, cafés, quioscos, postos de venda e similares, están obrigados a manter nas debidas condicións de limpeza tanto as propias instalacións como o espazo urbano sometido á súa influencia.

O seu incumprimento considérase unha infracción leve que conleva unha sanción de ata 300,51 euros. “Cada establecemento do centro urbano deberá manter as súas terrazas nas debidas condicións de limpeza e ornato pola convivencia de todos”.