Luís Iglesia e Marcos Orsi protagonizan “Sénior” en Baiona

Culturactiva S. Coop. Galega presenta este mércores 24 de xullo en Baiona “Sénior”, un espectáculo cómico sobre a crise dos 50, cos coñecidos e populares actores Luís Iglesia e Marcos Orsi como protagonistas, e dirixida por Avelino González. A representación, incluída no ciclo “Baioteatro” do programa cultural e de lecer Baiverán 2019, comezará ás 23:00 horas na Praza do Concello.

Trátase dunha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade. Cando se abandona a madurez e comézase a ser «sénior»? Iglesia e Orsi rin de si mesmos, cun texto enxeñoso de creación propia que aborda grandes dilemas do sénior: …vístome como o meu fillo ou como o meu pai? …haberá cadeiras nese concerto? …como estarei mañá se me tomo un segundo gin-tonic?

Ducias de preguntas que este espectáculo non resolverá, pero que son a escusa perfecta para pasar un momento entretido en compañía de Luís Iglesia e Marcos Orsi.

Anuncios