
No desprazamento desta xornada a Irún, o AD Vincios Gondomar viuse superado polo aspirante para conquistar a liga, o Irún Leka Enea. O equipo gondomarés desprazou aos xogadores Martín Pintos, André Silva e ao ucraíno Dmytro Pysar. O equipo irundarra presentou na aliñación ao sueco Hampus Soderlung, ao vasco Endika Díaz e ao estremeño Daniel Palacios.
A primeira parte do encontro discorreu con partidos con vitorias claras de Hampus sobre Martín (3-0), Endika sobre Pysar (3-1) e André sobre Palacios (3-0). Estes resultados poñían o marcador 2-1 a favor do equipo de casa. Na segunda parte do encontro os partidos foron todos moito máis disputados e equilibrados, sendo o marcador en todos eles 3-2, con vitorias de Hampus sobre Pysar e de Martín sobre Palacios. O último encontro supoñía a vitoria de Endika sobre André, que non puido rematar unha remontada, con parciais 11-7, 12-10, 9-11, 7-11 e 11-9, que puxo o resultado final de 4-2 para o Irún Leka Enea. Tras esta derrota o AD Vincios baixa á cuarta praza da clasificación, mentres o Irún ocupa a primeira.
O vindeiro venres, 22 de novembro, ás 18:00 horas terá lugar no Ximnasio do IES Terra de Turonio de Gondomar, un interesante derbi entre os dous equipos de superdivisión da provincia, que enfrontará ao AD Vincios Gondomar co Visit Pontevedra, no que xoga Horacio Gómez, xogador número 80 da clasificación mundial.