Nigrán traslada á Xunta o proxecto para construír unha cociña no CEIP Humberto Juanes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // CEIP Humberto Juanes.

O Concello de Nigrán trasladou esta semana á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o proxecto técnico para habilitar unha cociña no CEIP Humberto Juanes que dea servizo a tódolos centros educativos públicos de Nigrán que o soliciten e, ao mesmo tempo, pídelle á Xunta que asuma o compromiso oficial de que a infraestrutura resultante vai a ser empregada en lugar do actual sistema de catering. Esta cuestión xa fora formulada polo Concello en cumprimento dos acordos plenarios do 28.02.19 e 1.04.19 sen que a Xunta se pronunciase aínda e, esta semana, o Concello deu traslado oficial do proxecto correspondente, que cifra a intervención en 373.878 € e o prazo de execución en 6 meses.

“O Concello de Nigrán non pode facer un investimento tan elevado sen ter a total e absoluta garantía de que a infraestrutura resultante vai a ser autorizada, a Xunta é a que ten nas súas mans a contratación do sistema de catering, polo que deben modificar as bases para que o adxudicatario cociñe no propio centro e respectando os contratos do persoal actual”, incide o alcalde, Juan González, quen subliña que o proxecto contempla unha cociña o suficientemente dimensionada para que calquera centro público de Nigrán que así o solicite poida beneficiarse dela dende o inicio (o CPI Arquitecto Palacios e A Galiña Azul son os únicos que dispoñen de cociña propia). “O investimento é moi cuantioso, a demanda partiu do CEIP Humberto Juanes pero é unha cuestión de xustiza, equidade e igualdade de oportunidades que beneficie a tódolos colexios públicos do municipio, con este fin se dimensionou o proxecto”, finaliza.

Tanto dende a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.

O Concello de Nigrán contratou en abril ao estudo nigranés de arquitectura Aintegra a redacción do proxecto por un importe total de 6.000 € e, segundo este proxecto xa entregado, o prezo de construción da instalación será de 373.878 € . O CEIP Humberto Juanes, situado ao carón da Casa Consistorial, dispón de espazo para habilitar esta nova cociña, que ocuparía 490 metros cadrados dunha zona de almacén e de aulas actualmente sen uso.