Javier Gutiérrez, Amistades Peligrosas ou Manquiña, no vídeo do CB Nigrán contra a violencia de xénero

O CB Nigrán quere render un ano máis homenaxe ás vítimas de malos tratos con motivo do Día Contra a Violencia de Xénero cun vídeo no que colaboraron personalidades destacadas de diferentes ámbitos como os actores Javier Gutiérrez e Manquiña, os xogadores de baloncesto Epi e Navarro, os escritores Antonio García Teijeiro e Inma López Silva, a campioa do mundo de tríatlon paralímpico Susana Rodríguez, a xornalista Montse Fajardo, a actriz e presentadora Silvia Fominaya, o dúo musical Amistades Peligrosas, colectivos como a Policía Local de Nigrán ou o GES do Val Miñor e os claustros de todos os centros educativos de Nigrán, entre outros, ademais dos propios xogadores e xogadoras do club.

Todos eles aparecen no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller así como por cada un dos nenos e nenas asasinados neste 2019. Todos quixeron colaborar nesta iniciativa do Club de Baloncesto Nigrán, unha iniciativa que forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte.

Un total de 52 balóns que simbolizan ás vítimas e cos que o Club Baloncesto Nigrán debuxará un gran lazo na pista de xogo do Pavillón Municipal de Panxón en torno ao cal se colocarán os xogadores, adestradores, directivos e familias do club, constituíndo a imaxe final do vídeo a través do cal o CB Nigrán busca concienciar e sensibilizar sobre “esta secuela social que non cesa no seu goteo de vítimas e que sirva como un pequeno granito de area na loita contra a violencia machista”.

Anuncios